05 de setembro de 2026
Xornada de Organización das Asembleas Abertas do Ensino Público
O 26 de setembro celebraremos en Santiago de Compostela unha Xornada de Organización aberta a todo o profesorado para definir colectivamente o funcionamento, os roles e os espazos das Asembleas Abertas do Ensino Público. Antes desa data, cada asemblea de centro poderá debater e enviar as súas propostas.
26 de setembro de 2026, 10:30
Centro Cívico Romaño-Vista Alegre (Santiago de Compostela)
Tras un curso histórico en canto a mobilizacións, comezaremos 2026/2027 no punto que o deixamos. Pensando, compartindo e loitando xuntos. As Asembleas Abertas do Ensino Público poden e deben seguir servindo como ferramenta para conseguir mellorar a situación da educación pública.
Con ese obxectivo, tal como se acordou na pasada Asemblea Xeral do 25 de xuño, cómpre pensar e decidir como nos imos organizar internamente. Temos que definir entre todas as diferentes funcións, roles, tarefas e relacións dos distintos espazos que foron agromando de xeito espontáneo e improvisado baixo o paraugas deste movemento. Por iso, o 26 de setembro celebraremos unha Xornada de Organización aberta a todo o profesorado no Centro Cívico Romaño-Vista Alegre.
Para facilitar o traballo de reflexión colectiva, o Grupo de Traballo de Organización, propoñemos traballar a partir dunha táboa –que se achega ao final desta mensaxe en forma de enlace– como documento guía. Cada asemblea de centro completará os ocos baleiros coa súa proposta, previamente debatida. Máis abaixo tedes a ligazón á táboa para que entendades rapidamente a idea.
Propoñémosvos tamén o seguinte calendario para chegar a esa data con todo o traballo previo feito e podermos así aproveitar ao máximo á Xornada.
- Desde xa: compartir a táboa nos grupos de asembleas de centro para ir empezando a reflexionar.
- Principios de setembro: programar asembleas nos centros para tratar esta cuestión.
- Mediados de setembro: se se considera adecuado, celebrar asembleas comarcais para unha primeira valoración conxunta e posta en común antes da Xornada.
- 18 de setembro: data tope para o envío das propostas dos centros ao GdT.
- Do 18 ao 25 setembro: revisión das propostas dos centros por parte do GdT e preparación do material de traballo para a Xornada.
- 26 de setembro: celebración da Xornada en Santiago de Compostela (hora e lugar pendente de concretar).
As asembleas xurdiron sen pretensións, con vontade de solidariedade e co obxectivo de artellar unha maioría que nos permita apostar polo futuro do ensino público. Constitúen unha oportunidade de rexeneración democrática.
Non son unha alternativa organizativa ao sindicalismo, senón unha forma de activar a participación directa do profesorado para defender o ensino público de modo transversal e desde a base.
O 26 de setembro temos pois unha cita imprescindíbel na que as asembleas do profesorado configurarán o seu propio funcionamento. Para tomarmos decisións colectivas, funcionarmos de xeito orgánico e así podermos chegar máis lonxe precisamos a túa voz!
Táboa
Consulta aquí a táboa de traballo
Envío das propostas
Este é o cartafol para subir as táboas de centros e comarcas:
Cartafol para subir as táboas de centros e comarcas
